O pasado 22/07/2020 as Consellerías de Educación e Sanidade aprobaron o "Protocolo de adaptación ao contexto da COVID-19 nos centros de Ensino non Universitario de Galicia para o curso 2020-2021". Neste documento están recollidas as condicións nas que se desenvolverán para o curso 2020-21 as clases, os servizos de madruga e comedor, as actividades extraescolares, as actividades complementarias, transporte, etc. Para a confección de dito protocolo, en ningún momento contouse coa participación das familias.

De aplicarse as medidas recollidas, os servizos de madruga e comedor, cos espazos dispoñibles actualmente, nun cálculo preliminar, levarían a unha redución no aforo de ditos servizos dun 80%. Con esa redución, e o resto de medidas de prevención necesarias, levarían a un incremento do custe de aproximadamente un 100% (o dobre).

Pola universalidade do servizo que promovemos dende as ANPA, non estamos dispostos a facer unha escolla de que familias terían dereito e cales non a ditos servizos. Por iso pídese á Consellería de Educación o seguinte:

  • Cesión de novos espazos no centro (adecuados para o servizo) e outras medidas de organización dos centros (por exemplo adiantar o xantar dos máis cativos) que permitan dar o servizo a todas as familias que o necesiten.
  • Que a Consellería asuma o incremento de custe que se produza pola aplicación do protocolo.
  • Que a Consellería dialogue coas familias para chegar a un protocolo de consenso.

Aínda que fai uns días houbo unha reunión coa Consellería, non se acadou ningún compromiso por parte da Xunta en ningún destes puntos. Como resulta diso, NESTE MOMENTO E COAS CONDICIÓNS ACTUAIS, OS SERVIZOS DE COMEDOR E MADRUGA PARA CURSO 2020-21 NON SE REALIZARÁN nos centros nos que a FANPA xestiona ditos servizos.

Dende a organización de ditos servizos, necesítase facer unha avaliación detallada do impacto da aplicación do protocolo en cada centro, de cara a trasladar á Xunta as necesidade concretas en cada centro e o cálculo de custes dos servizos.

Unha das cousas que se necesita é o número de usuarios dos servizos para o curso 2020-21. Para elo estará aberta a inscrición nos servizos de MADRUGA e COMEDOR dende o día 10/08/2020 ata o día 25/08/2020. Adxunta tedes a ficha de inscrición con información de como facela. Tedes que ter en conta o seguinte:

  • Dita inscrición é provisional, suxeita a que finalmente sexa posible a organización en condicións adecuadas de seguridade e custe de ditos servizos.
  • O custe dos servizos que aparece no impreso de inscrición pode estar suxeito a cambios polas medidas de prevención ou organización a adoptar. Hai que ter en conta que nesas cantidades faltaría aplicar o desconto pola subvención do Concello de Pontevedra, xa que dita subvención depende do número de usuarios do servizo.
  • Posto que os servizos dimensionaranse en base ás inscricións recibidas, non poderemos garantir a praza para o alumnado que non faga a inscrición nas datas indicadas.