A participación dos pais e nais do alumnado na educación dos seus fillos a través das ANPAS e na xestión democrática dos centros sostidos con fondos públicos, é un logro da transición democrática no noso país.
Este proceso quedou reflexado no artigo 27 da Constitución española:
Artigo 27
- Todos teñen dereito á educación. Recoñécese a liberdade de ensino.
- A educación terá por obxecto o pleno desenvolvemento da personalidade humana no respecto ós principios democráticos de convivencia e ós dereitos e liberdades fundamentais.
- Os poderes públicos garanten o dereito que asiste ós pais para que os seus fillos reciban a formación relixiosa e moral que estea de acordo coas súas propias conviccións.
- O ensino básico é obrigatorio e gratuíto.
- Os poderes públicos garanten o dereito de todos á educación, mediante unha programación xeral do ensino, con participación efectiva de todos os sectores afectados e a creación de centros docentes.
- Recoñéceselles ás persoas físicas e xurídicas a liberdade de creación de centros docentes, dentro do respecto ós principios constitucionais.
- Os profesores, os pais e, se procede, os alumnos intervirán no control e xestión de todos os centros sostidos pola Administración con fondos públicos, nos termos que a lei estableza.
- Os poderes públicos inspeccionarán e homologarán o sistema educativo para garantir o cumprimento das leis.
- Os poderes públicos axudarán os centros docentes que reúnan os requisitos que a lei estableza.
- Recoñécese a autonomía das universidades, nos termos que a lei estableza.
Podes participar na ANPA facéndote socio co boletín correspondente, e se ademais podes dedicar un pouco de tempo, podes colaborar coa Xunta Directiva da ANPA nalgunha tarefa concreta. Esta dedicación pode ser moi diversa:
- Colaboración en tarefas administrativas da ANPA.
- Atención na oficina da ANPA.
- Apoio puntual nalgunha actividade concreta das organizadas pola ANPA ou o centro escolar.
- Asistencia e participación nas Asembleas Xerais.
- Aportación de ideas e suxerencias.
Todo o que fagamos redundará nun incremento da calidade da educación dos nosos fillos e fillas.